git checkout ‑b october
Setembro foi un caos e outubro empezou cunha startup. O que me engancha cambia case cada mes; as ganas de chegar lonxe, non.
Setembro foi un caos a nivel persoal e profesional.
O persoal gárdoo para min, pero o profesional si o podo contar. Pechei a fellowship de ANFAIA, saíron varias novas en prensa sobre o proxecto (e nestes meses espero poder traervos máis novas del), fun a HackSpain, empecei a dar clases nunha academia e, case sen darme conta, xa estou traballando en colaboración con GEMEDATA, a startup que hai detrás de HISTORA.
No medio de todo iso decateime de algo que xa sabía, pero que nunca escribira: son dos que cada mes se enganchan a unha cousa distinta.
En xuño estaba convencido de que o meu era o research. Ler papers, investigar, descubrir e crear cousas, medir o ruído antes de fiarme dun número. Hoxe, en outubro, o que me apaixona é que a startup coa que acabo de empezar a traballar consiga cousas.
Durante un tempo pensei que iso era non saber o que quería. Agora creo que é xusto o contrario: cada cousa que me engancha déixame algo para a seguinte. O que aprendín investigando este verán é precisamente o que hoxe aplico en HISTORA. Entro con moitas ganas e moita ilusión. Quero que a empresa medre e que se lle recoñeza o traballo que fai, porque desde dentro vese todo o que hai detrás.
Parte da culpa destas inquedanzas tenna ecosistemas como Exponential ou itnig. Hai dous meses eu non coñecía nada deste mundiño (big shoutout ao meu irmán, que foi quen mo descubriu), e agora téñeme enganchado: xente que se xoga o seu tempo e o seu diñeiro por construír algo que antes non existía. Se algo aprendín escoitándoos, é que a idea vale pouco. O que importa é sacar adiante un produto.
Pero hai algo que non cambiou entre xuño e outubro: quero chegar lonxe. Investigando, construíndo produto ou co que me dea en decembro, o que me move é ver ata onde son capaz de chegar.
E nunca fora tan bo momento para intentalo. No mundo axéntico no que vivimos, un equipo pequeno pode facer o que hai uns anos precisaba un departamento enteiro. Iso non significa que sexa doado. Significa que a barreira xa non é ter cen persoas detrás, senón ter claro que problema queres resolver e para quen.
(E se me preguntades polo que vén: esta fin de 2026 xa vén cargada de asistentes persoais, e cada mes saen máis… Imaxinade 2027. Pero iso dá para outro artigo.)
Así que si: cada mes abro unha branch nova, e a lo mellor en decembro dáme por outra cousa. Pero todas saen do mesmo main: chegar o máis lonxe que poida.





