Dixen que non. Un ano despois dixéronmo a min.
Aceptáronme a proposta de organizar un hackathon da NASA en Ourense e dixen que non. Un ano despois volvín pedilo e o non dixéronmo eles.
Hai pouco máis dun ano propuxen organizar un hackathon do NASA Space Apps Challenge con sede en Ourense, e aceptáronma. Antes do verán de 2025 xa estaba en videoconferencias vendo os pasos que seguir.
E dixen que non.
Levo anos buscando algo así aquí. Na Coruña e en Vigo hai comunidades montadas desde hai tempo; en Ourense, en todos os anos que levo, nunca vin a ninguén coa iniciativa de poñer a cidade no mapa nin de facer piña. Esta era xustamente a oportunidade, e por riba da man da NASA.
Pero o curso 25-26 era o meu último ano con materias, porque cada ano, por vontade propia, matriculábame de máis das que me tocaban. E entre as prácticas, o traballo e os estudos non me vía capaz de montalo co cariño co que me gusta facer as cousas. Así que o deixei pasar.
Este ano volvín presentarme. Esta vez o non dixéronmo eles.
En parte agardábao: botei a solicitude co prazo case pechado. Non me arrepinto, pero si que quedei cunha reflexión.
O meu medo era non ter apoio e non ter tempo para facelo ben. Pode que fose verdade. Pero iso non o ía saber sen meterme, e agora xa non o vou saber nunca.
Que conste que non vos estou dicindo que nunca digades que non. Saber dicir que non paréceme á vez un deber e unha virtude, e hai sitios onde segue sendo a resposta correcta. Pero cando o que tes diante é unha oportunidade —e por riba unha que levabas anos querendo— a cousa cambia.
E si, creo no destino: creo que as cousas se che poñen diante. O que xa non depende do destino é collelas.
Se atopas unha pedra no camiño, non a esquives á primeira de cambio: para e mírala. Se é unha pedra, tírala. E se é un diamante, cóllea e goza do camiño.


