Luis Garbayo Fernández

Todas as miñas ligazóns

Código QR que leva a lgarbayo.com/linkslgarbayo.com/links

Crónica dunha Bolsa de Verán ANFAIA 2026

Dous meses construíndo un formato de datos para odontoloxía con ANFAIA e HISTORA. Se me preguntan que me levo, a resposta non é o repositorio: é a xente que mo revisou.

Pasei xullo e agosto de 2026 cunha Bolsa de Verán de ANFAIA, construíndo un formato de datos para odontoloxía xunto a HISTORA. Se me preguntan que me levo, a resposta non é o repositorio. É a xente que mo revisou.

Escribo isto porque cando eu buscaba información sobre estas bolsas atopei o que adoita atoparse: a convocatoria, os proxectos, a dotación. Nada sobre o que realmente pasa durante eses dous meses. E o que realmente pasa é bastante mellor que o que pon na convocatoria.

O proxecto, en breve

Un caso dental chega a anacos. Despois dunha soa visita con imaxe, unha clínica ten un par de ficheiros STL do escáner intraoral, varios centos de cortes DICOM do CBCT, unhas fotografías clínicas e un informe en PDF. Catro artefactos, catro programas, catro sistemas de coordenadas, e ningunha afirmación lexible por unha máquina de como se relacionan entre si.

As relacións non faltan: alguén as estableceu. Alguén mirou o CBCT ao lado do escaneo e soubo que superficie era cal. Pero ese coñecemento vive nunha persoa ou dentro do software dun provedor, e non viaxa co dato. O meu traballo foi construír un contedor que obrigue a escribilas: que se mediu, que inferiu un modelo, con que erro, e quen o verificou.

E xa está. Non é o interesante deste artigo.

Como apliquei

Souben tarde e de rebote.

A convocatoria presentouse nun acto na miña universidade ao que non puiden ir. Soubeno por uns compañeiros que si estiveran: contáronmo eles. Así que o meu primeiro contacto con estas bolsas non foi un cartel nin un correo institucional, foi unha conversa de corredor.

Logo estiven dándolle voltas máis tempo do que debería. O típico: que se o perfil encaixaba, que se os proxectos non se me ían ir das mans, que se habería xente mellor preparada. Enviei a solicitude o último día do prazo, e estiven a piques de non enviala. Se chegaches ata aquí lendo e estás nese punto exacto, ese é máis ou menos o motivo polo que escribo isto.

Ti propós un tema na solicitude. A min non mo colleron. Fun o único da promoción ao que non lle aceptaron o proxecto que plantexara: a todos os demais saíulles adiante o seu. O que fixeron comigo foi darme un e poñerme a traballar nel desde cero.

Tiña todos os motivos para ler iso como un premio de consolación, e tería sido un erro. O que seleccionan non é o proxecto: é a persoa. Unha vez dentro, ninguén volveu mencionar que o tema non fose meu, e o que me deron viña con algo que eu non podería conseguirme só: un problema real, un socio industrial detrás, e xente que levaba anos nese problema con criterio para dicirme en que me estaba equivocando.

Dos dous meses lévome máis do que agardaba levarme do proxecto que eu propuxera.

Así que se mandas unha idea e non é a que acaba sendo, iso non é un non. A min pasoume, e escribo isto desde o lado bo.

Cheguei sen saber facer nada disto

Convén dicilo sen adornos. Non construíra nunca un sistema multiaxente de verdade. Non escribira unha especificación de formato. Non tocara Gaussian Splatting, nin DICOM, nin FHIR, nin a pila de normas que rodea a un dato clínico. Sabía programar (creo); non sabía nada de case todo o demais.

O primeiro mes foi aprendizaxe por erro, e os erros concretos ensinan máis que a moralexa. A miña primeira versión do campo de aparencia producía unha casca con cor inventada: víase moi ben e era exactamente o contrario do que o proxecto necesitaba. Máis tarde adestrei un clasificador máis preciso para recortar o óso por debaixo do ápice dos dentes; gañou no benchmark e perdeu na tarefa real, e o defecto que me levara a adestralo seguía aí. A lección non era «necesito un modelo mellor»: era que escollera mal a métrica.

O que máis me custou aprender non foi ningunha tecnoloxía concreta, senón unha forma de traballar. Traballar a fondo con axentes move o gargalo: xa non é escribir o código, é saber que pedir e como comprobar que o que che devolven é certo. Un axente entrégache algo que compila, que ten boa pinta e que está mal, e se non tes un criterio fixado antes de miralo, acéptalo.

As charlas, que son a metade do programa

Isto é o que non sabía cando apliquei, e é o que máis recomendo.

Durante o verán hai un ciclo de charlas que corre en paralelo aos proxectos, e son abertas: non son unha actividade interna para os bolseiros, pode entrar quen queira. Quedan publicadas na canle de YouTube de ANFAIA, así que son a parte do programa á que calquera pode asistir sen ter bolsa. E non todas son técnicas, que é xustamente o que as fai valer: hai xente contando como chegou a onde está, incluídas as partes que non saíron.

Semana tras semana entraba alguén dun mundo distinto: perfís técnicos moi distintos entre eles, e tamén xente cuxo traballo non se parecía en nada ao meu nin ao dos demais. Sobre o papel non había un fío común. Non perdín nin unha, e non houbo ningunha da que saíse pensando que perdera a hora.

O fío común apareceu só, e non estaba nos temas: todos, nalgún momento, tiveran que tomar unha decisión difícil. Irse fóra a estudar ou a traballar porque aquí non estaba o que buscaban. Pelexar un posto concreto durante anos. Ningún contaba unha traxectoria limpa, e todos a contaban sen dramatizala, como quen che explica unha decisión que tomou e por que.

Iso abriume algo a min. Non é que vise o de irse fóra como un fracaso —nunca o pensara neses termos—, é que simplemente non era unha idea que tivese presente. Non a descartara: non ma plantexara. Oír a xente para quen iso foi unha decisión real, tomada cos seus motivos e co que custou, púxoa enriba da mesa como algo que a min tamén me podería tocar pensar nalgún momento. Non decidín nada. Pero agora é unha opción que existe, e antes deste verán non o era.

Para iso non serve un titorial. Serve que alguén que xa o viviu cho conte en primeira persoa, e iso é o que fan estas charlas.

A axuda que recibín

Aquí está o que de verdade me levo.

O acompañamento. Isma e Matías foron os meus mentores durante todo o traballo, e «durante todo» é literal: non foi unha reunión de arranque e outra de peche, foi estar aí mentres o proxecto se torcía e se amañaba. Isma abriu a porta a que este tipo de traballo se faga en Galicia e propuxo el mesmo —xunto con HISTORA— a idea coa que arrancou o proxecto. E Matías estivo cóbado con cóbado en todo: non só revisando o que escribía, senón dentro de cada idea e cada experimento que plantexabamos —achegando as súas, discutindo as miñas e preguntando o que había que preguntar antes de gastar unha semana en algo—. Aprender a traballar así, e a recibir ese nivel de esixencia, serviume tanto como o que aprendín do tema.

Os clínicos. O Dr. Pedro Manuel Guitián Lema e a Dra. Elena López Alvar dedicaron tempo a explicarme que necesita medir de verdade un odontólogo e —igual de útil— canto vale un número de boa pinta cando ninguén pode dicir como se obtivo. Sen iso construiría algo tecnicamente correcto e clinicamente irrelevante.

Que vén agora

O traballo continúa con HISTORA, e iso non o digo eu: eles contárono no seu propio blog (https://www.histora.com/es/blog/uos-unified-oral-scene-luis-garbayo-anfaia-histora). Que unha empresa escriba sobre o que fixo un bolseiro cando o verán xa rematou é, para min, o mellor sinal de que o verán serviu para algo.

Quedan cousas abertas, e algunha non é miña de pechar. Pero o proxecto segue vivo en setembro, que era exactamente o que quería que pasase.

Aplica

Se estás léndoo e estalo pensando: aplica.

O que ANFAIA ofrece non son dous meses pagados. É un proxecto real cun socio industrial real, un mentor que che revisa o traballo con criterio de verdade, un ciclo de charlas ao que asiste xente que xa fixo o camiño, e a obriga de publicalo todo en aberto, que é a que te forza a que estea ben. Eu cheguei sen saber facer case nada do que acabei facendo.

Ismael e Mariel, cos mentores, montaron algo pouco común: un sitio onde alguén que empeza pode facer traballo serio, equivocarse en público e que alguén con vinte e cinco anos de oficio se sente a dicirlle en que. Se estás empezando nisto en Galicia, non hai moitas portas así. Esta está aberta.


O proxecto ten unha páxina onde se ve funcionando: agentic-smart-health.lgarbayo.com (https://agentic-smart-health.lgarbayo.com/). O código e a documentación están en github.com/ANFAIA/Agentic-Smart-Health, baixo licenza Apache 2.0.

← Volver a todos os artigos